Tamén saíu adiante no pleno outra moción relativa ao inicio do curso escolar 2020-21
No pleno ordinario de hoxe celebrado na Casa da Cultura de Laracha deuse conta á Corporación municipal das 178 resolucións de alcaldía ditaminadas entre o 26 de maio e o 27 de xullo. Así mesmo, foron aprobadas tres mocións. Dúas delas, de contido similar, tiñan por acordo manifestar o rexeitamento da Corporación municipal a calquera medida tendente a que o Goberno central poida incautar os remanentes xerados polos concellos. Sexa de forma directa ou como vía de subscrición de préstamos das entidades locais ao Estado para devolver a longo prazo. Neste sentido, o rexedor municipal apuntou que os remanentes xerados polo Concello da Laracha son fondos que pertencen aos veciños. Por tanto, ningunha outra administración debe poder facer uso deles.
A outra moción que saíu adiante estaba relacionada co inicio do curso escolar 2020-21. Acordouse instar á Xunta de Galicia a garantir a total seguridade sanitaria nos centros de ensino a través do cumprimento dunha normativa específica e acorde á realidade galega. Tamén, a poñer en marcha todas as medidas precisas para garantir a maior normalidade nas aulas.
Homenaxes e felicitacións
Lembramos que o pleno comezou gardando un minuto de silencio polas 22 mulleres vítimas da violencia de xénero no que vai de ano en España. Ademáis, cunha mensaxe de ánimo e apoio do alcalde, José Manuel López Varela, ás familias que sofren as consecuencias da Covid-19.
A continuación, a portavoz do grupo socialista, Palomi Castiñeiras, pediu a palabra para felicitar tanto ao grupo municipal do Partido Popular como ao do Bng polos resultados obtidos nas recentes eleccións autonómicas. Do mesmo xeito, Xoán Manoel Sande, portavoz nacionalista, agradeceu as verbas da portavoz do PSOE e felicitou ao PP pola maioría absoluta. López Varela tamén deu as grazas a ambos portavoces dos grupos da oposición.