O texto presentado no Pleno adaptarase ás modificacións normativas autonómicas e estatais e permitirá unha máis óptima organización da feira de Paiosaco
O Pleno do Concello da Laracha celebrará mañá a sesión ordinaria do mes de marzo. Onte celebrouse unha reunión da Comisión Informativa de Asuntos Xerais para someter ao correspondente ditame cuestións a tratar.
A máis destacada é a proposta de modificación do regulamento municipal de venda ambulante e produtos do campo. O cambio ten por finalidade adaptar o texto actual -vixente desde 2009- ás últimas modificacións normativas. Tanto a nivel estatal como autonómico por transposición ao ordenamento xurídico español de directivas europeas. Na práctica, isto implicará poder avanzar cara unha máis óptima organización da feira de Paiosaco que se desenvolve o primeiro e terceiro domingos de cada mes. Tamén do mercadillo dos luns en Caión. Entre outras cuestións, facilitará a identificación dos comerciantes profesionais autorizados e rexistrados no padrón municipal.
O Pleno votará a proposta de aprobación inicial do novo texto do regulamento. A continuación publicaríase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e estaría un mes en exposición pública antes de proceder á aprobación definitiva.
Cambio de uso das antigas escolas da Areosa
Tamén se elevará ao Pleno o trámite administrativo da proposta de solicitude á Consellería de Cultura, Educación e Universidade do cambio de uso das antigas escolas da Areosa. A iniciativa ten por finalidade convertelas de xeito oficial nun centro sociocultural. Nos últimos anos ese inmoble, de titularidade municipal e situado moi próximo ao CEIP Otero Pedrayo, xa acolleu actividades culturais.
Reserva mundial do surf
Outro dos asuntos será mostrar o apoio á declaración da Costa da Morte como Reserva mundial do surf. O acordo permitiría manifestar de xeito oficial o compromiso do Concello de velar pola identidade ecolóxica e natural de carácter medioambiental do territorio. O fará mediante a protección das ondas e dos ecosistemas das praias, así como aumentar o potencial turístico a través do surf.