No Pleno de hoxe os tres grupos políticos da Laracha aprobaron os temas incluidos na orde do día
Na sesión ordinaria do Pleno de marzo que se celebrou hoxe aprobáronse por unanimidade dos tres grupos municipais a totalidade dos puntos incluídos na orde do día. O alcalde, José Manuel López Varela, procedeu á lectura da declaración institucional do Concello da Laracha en apoio á Confraría de Pescadores de Caión. Tamén, á frota galega de pesca artesanal en xeral ante a modificación do Regulamento de Control da Pesca aprobada polo Parlamento Europeo.
Xa inmersos na orde do día, foi aprobado o texto do novo regulamento municipal de venda ambulante que afecta á feira de Paiosaco. Entre outros asuntos, a norma mellora o funcionamento interno, a concesión dos postos, o cambio de titularidade, a identificación dos comerciantes e os requisitopara exercer a venda. Ademais, quedan establecidas multas aos titulares de postos que non os manteñan tras rematarse a xornada. O alcalde explicou que “non é unha ordenanza fiscal, non ten afán recadatorio e seguirase sen cobrar á xente na zona de produtos do campo”. López Varela incidiu en que “se trata de que a feira funcione aínda mellor e continúe sendo un motor económico para Paiosaco e para o todo o concello”. Tralo acordo plenario, o texto publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e estará un mes en exposición pública.
Acordouse, tamén, solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Universidade o cambio de uso das antigas escolas da Areosa. O propósito é convertelas de xeito oficial nun centro sociocultural. Nos últimos anos ese inmoble, de titularidade municipal e situado moi próximo ao CEIP Otero Pedrayo, xa acolleu actividades culturais.
Outros temas
O Pleno aprobou mostrar o apoio do Concello da Laracha á declaración da Costa da Morte como Reserva Mundial do Surf. Isto implica manifestar de xeito oficial o compromiso de velar pola identidade ecolóxica e natural de carácter medioambiental do territorio. Farase mediante a protección das ondas e dos ecosistemas das praias, así como aumentar o potencial turístico a través do surf. López Varela concluíu que “isto implica protección ambiental e apoio sociocultural, ademais de abrir novas oportunidades económicas”.
Na sesión deuse conta das 173 resolucións de Alcaldía ditaminadas desde o Pleno anterior e tamén da liquidación do exercicio económico 2020, que como dato máis significante deixa un remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 1.699.486,52 euros.
Por último, a aprobación dunha moción na que se insta ao Goberno central á posta en marcha dun plan contra a exclusión financeira no ámbito rural. Á Xunta a que continúe desenvolvendo as súas competencias en materia de protección e defensa dos dereitos dos usuarios da banca. Tmén se expresou o apoio ás reivindicacións dos traballadores da banca en defensa dos seus postos de traballo..