A especialidade de pintura industrial do obradorio de emprego está intervindo na fachada do edificio e tamén no salón de Plenos
No Concello da Laracha continúa desenvolvéndose a actividade do obradoiro de emprego A Laracha V. Trátase do programa dual de formación e emprego promovido e financiado polo Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Participan vinte alumnos traballadores, dez en cada unha das dúas especialidades. Ademais, interveñen cinco persoas que forman o equipo directivo, docente e administrativo.
A especialidade de pintura industrial está a traballar desde hai varios días na Casa Consistorial, con tres intervencións diferenciadas. A máis ampla afecta ás fachadas exteriores do edificio, nas que se fixo unha profunda limpeza e que agora están a ser repintadas. Simultaneamente, no interior estase a mellorar o salón de Plenos e, xa antes do confinamento, actuárase tanto na planta baixa como no canón das escaleiras.
Unha vez completados os traballos previstos na Casa do Concello, o seguinte punto de intervención será o centro sociocultural de Paiosaco. Continuarán os báculos de iluminación pública e as pistas polideportivas descubertas de O Vilar (Cabovilaño) e Cumiáns (Montemaior). Cabe lembrar que esta especialidade tamén acometera a principios de ano as actuacións previstas tanto na Casa da Cultura da Laracha como no edificio administrativo. Mentres, a outra especialidade, a de carpintería de madeira, centra a súa actividade na renovación da pasarela do paseo fluvial do Anllóns.
Ata decembro
O obradoiro de emprego A Laracha V, que rematará no mes de decembro, ten un orzamento total de 863.000 euros. O Concello e a Xunta de Galicia continúan apostando por estes programas duais de formación e emprego. Eles permiten aos alumnos-traballadores acceder a unha remuneración económica durante o seu desenvolvemento, aprender unha profesión e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza. Ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade. Así creditará a súa formación, cualificación e competencia para o exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.