Investiron 58.000 euros na adquisición do camión de carga do punto limpo móbil
Onte presentaron o novo punto limpo móbil adquirido polo Concello da Laracha coa colaboraciónmda Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. O alcalde José Manuel López Varela e Gonzalo Trenor, delegando da Xunta de Galicia, xunto aos edís José Ramón Martínez e Rocío López, estiveron no acto.
O vehículo, un camión de carga, está valorado en máis de 58.000 euros e presenta un consumo eficiente. Seus límites de emisión de dióxido de carbono se sitúan nos máis baixos do mercado. Grazas a este equipamento, mellorarase o servizo de recollida a domicilio de residuos especiais. Precisamente, o Concello sacará a licitación nos próximos días os novos contratos de limpeza viaria, xestión do punto limpo e servizo de recollida de voluminosos. A dispoñibilidade do punto limpo móbil, de titularidade municipal, é para a empresa que resulte adxudicataria do servizo.
A colaboración da Xunta está ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal. Son cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-202.
Aspaber, iglús verdes e contedores azuis
Ao longo do ano 2020 a entidade que xestiona tanto as instalacións do punto limpo da Laracha como a recollida de voluminosos a domicilio é a Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber). Atendeu a 509 usuarios que empregaron estes servizos municipais para desfacerse dos residuos que non non poden ser depositados nos colectores de lixo. En concreto, foron 430 persoas as que acudiron ao punto limpo e outras 79 as que solicitaron o servizo de recollida a domicilio.
Datos máis significativos
- 11,5 toneladas de voluminoso, correspondendo máis da metade a colchóns e sofás.
- 11 toneladas de aparellos electrónicos, equipos informáticos e electrodomésticos (televisores, frigoríficos, conxeladores, ordenadores, radios, etc).
- 9 toneladas de restos de obras (tellas, metais, pintura, etc.).
- 7,5 toneladas de madeira.
- 457 quilos de vidro plano.
- 600 quilos de aceites vexetais e minerais.
- 358 quilos de plásticos duros (silo e invernadoiros).
- 35 quilos de envases con restos de sustancias tóxicas ou perigosas.
- 20 quilos fluorescentes desbotados.
- 18 quilos de baterías e acumuladores.
Aspaber tamén se encarga da recollida dos contedores azuis e dos iglús verdes en todo o termo municipal. Neses recipientes, os laracheses depositaron en 2020 un total de 181 toneladas de envases de vidro e 109 toneladas de papel e cartón.
O Concello da Laracha agradece o esforzo na separación dos residuos. Unha cuestión esencial para facilitar o seu posterior tratamento e reciclado por parte de xestores especializados. Cabe lembrar que o punto limpo é un servizo gratuíto e sitúase xunto á ponte do Formigueiro, moi preto do casco urbano larachense. Está aberto ao público os luns, mércores e venres pola tarde e os sábados en horario de mañá. O servizo de recollida de voluminosos a domicilio tamén é gratuíto e pode concertarse cita poñéndose en contacto con Aspaber vía telefónica ou por correo electrónico.