O Concello volverá sacar a licitación do proxecto de renovación das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal.
O Concello volverá sacar a licitación do proxecto de renovación das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha despois de que quedase deserto o primeiro procedemento desenvolvido hai apenas un mes.
A intervención deseñada inclúe varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física.
Na zona do vaso da piscina contémplanse actuacións na praia que pretenden reducir os desbordamentos que se rexistran especialmente nos momentos de maior uso da instalación. Isto suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética.
Na parte exterior da edificación realizarase a nova impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas.
Na zona do ximnasio será renovado o pavimento e mellorada a climatización na sala de spinning.
O orzamento deste proxecto ascende a 134.000 euros.
Cabe lembrar que actualmente está na última fase o procedemento de adxudicación do contrato de subministro das novas máquinas coas que se renovará o ximnasio: catro cardiovasculares (dúas cintas de correr e dúas de suspensión elíptica), dezaseis de musculación e equipamento de peso libre. Neste caso o investimento ascende a outros 47.000 euros.