O importe do suplemento de crédito e do crédito extraordinario ascendería a un total de 990.843,60 euros para infraestruturas públicas
O goberno local levará ao pleno de hoxe asuntos sobre infraestruturas. Os mesmos, foron sometidos ditame das dúas Comisións Informativas Permanentes. Trátase de Asuntos Xerais do Pleno e a de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas.
Nesta última, a referida ás cuestións de índole económica, a de maior relevancia consiste na proposta de aprobación dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario. A proposta é incorporar aos orzamentos municipais un total de 990.843,60 euros -do remanente líquido de tesourería como fonte de financiamento- para diversos fins de interese xeral para a cidadanía larachesa.
Gran parte deses fondos destinaríanse a actuacións de investimento en infraestruturas públicas. Na rede viaria contémplanse melloras na parroquia de Torás (rúas Río Anllóns, Río Bradoso e Eusebio Bértoa do núcleo urbano da Laracha), Cabovilaño (estrada O Castro-A Lagarteira e núcleos de Oldán e A Casanova), Coiro e Golmar (estrada de Requesende á Ferrulleira), Coiro (estrada da Ferrulleira á DP 1913 e núcleos de A Ferraría, A Riba, A Fontefría e Fornos), Soandres (núcleo de Compañeiro) e Vilaño (estradas O Ramallal-A Piña e Vista Alegre-Samiro).
Mais propostas
Tamén se completaría a execución da obra de urbanización da estrada entre Bos Aires e O Pereiro que dá acceso ao CEIP Otero Pedrayo, a adecuación do entorno do IES Agra de Leborís, o acondicionamento de aparcamentos públicos na Laracha e en Paiosaco, renovación dos parques infantís de Soandres e Erboedo, melloras en edificios municipais, reforzo da seguridade na rede viaria con sinalización vertical e horizontal, adquisición de mobiliario urbano e continuaríase co desenvolvemento do proxecto de recuperación de topónimos e renumeración das vivendas en núcleos rurais.
Ademais, quedarían consignados fondos nos orzamentos para a promoción do turismo coa homologación e sinalización de rutas de sendeirismo e, tamén, para reforzar ás subvencións nominativas ás Comisións de Festas.
Modificación do anexos de investimento
Como cuestión de mero trámite técnico e administrativo, tamén se elevará ao Pleno a modificación do anexo de investimentos dos orzamentos do exercicio económico en curso dado que a relación de obras incluídas finalmente no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (Plan Único Concellos POS+2022) presenta variacións con respecto á previsión inicial. Esta circunstancia non implica modificacións nos estados de gastos e ingresos dos presupostos dado que non cambian nin o importe global solicitado nin a aplicación orzamentaria.