Concurso de disfraces de Entroido para participar desde a casa
O Concello realizará durante a semana do Entroido un concurso de disfraces a través da rede social Facebook. Por iso convidará a participar, desde os seus domicilios, a todas as persoas empadroadas no termo municipal da Laracha. As persoas ou familias larachesas que desexen participar deben cubrir o formulario que está dispoñible na web municipal ata o 15 de febreiro ás 12:00 horas. Ese mesmo día publicaranse as fotos no Facebook. O prazo para votar rematará o 19 de febreiro ás 12:00 horas.
Haberá tres categorías nas que os participantes poderán inscribirse dependendo do número de membros e das idades dos concursantes:
- individual infantil (ata 12 anos)
- individual adulto (maiores de 12 anos)
- familiar (dous ou máis membros)
En cada categoría están establecidas dúas modalidades de premios. Unha delas decidida polo xurado nomeado polo Concello que valorará aspectos como a creatividade, orixinalidade, posta en escena e elaboración artesanal. E outra baseada no número de “gústames” que obteña dos usuarios de Facebook. En total repartiranse 1.390 euros en premios. O Concello, tras anunciar recentemente a cancelación dos eventos tradicionais do programa de Entroido, porá en marcha este concurso para animar á cidadanía a celebrar as festas desde os seus domicilios.