Eliseo Velo é o novo presidente do Club Baloncesto Laracha, que incorpora seis caras novas
O Club Baloncesto Laracha estreará directiva na próxima temporada. Os seus membros reuníronse co alcalde, José Manuel López Varela, e coa concelleira de Deportes, Patricia Bello, nas instala
cións do edificio administrativo da Laracha. Alí presentaron as novas incorporacións e explicaron o proxecto de futuro da entidade.
Eliseo Velo é o novo presidente da entidade. O posto que deixa como secretario será asumido por Jesús Cabado, que continuará na directiva pero con novo cargo. As seis caras novas son as das dúas vicepresidentas, María del Carmen Montes e Crisselss Baldomir, e os vogais Roi Lamas, Sonia Rodríguez, Javier Lens e Manuel Ferro.
Próxima temporada
Así, os directivos do club comunicaron ao rexedor municipal que de cara á próxima temporada pretenden manter os nove equipos que competiron na campaña pasada. Suman entre todos en torno a 120 licencias federativas entre xogadores e adestradores.
As ligas das diferentes categorías para a 2020-2021 aínda non están definidas pola Federación Galega de Baloncesto. Están condicionados ás circunstancias derivadas da Covid-19 os ascensos, descensos e tamén as competicións entre equipos de diferentes provincias.
Segundo trasladaron os representantes do C.B. Laracha, agárdase que o sénior masculino ascenda unha categoría e compita na segunda división. Con rivais das provincias da Coruña e de Lugo. Tamén, que o equipo preinfantil feminino milite na Liga Galega. Manterán a categoría o sénior feminino, os dous cadetes (masculino e feminino) e os equipos mixtos infantil, alevín, benxamín e baby.
