Finalizado o prazo para a presentación de ofertas na licitación dos novos contratos dos servizos de axuda no fogar (SAF) e de recollida de residuos sólidos urbanos no Concello da Laracha. Así, a Mesa de Contratación procedeu hoxe á apertura das plicas correspondentes á documentación técnica das empresas que concorreron a ambos procedementos.
En concretos son once as que optan a resultar adxudicatarias do contrato de prestación do servizo de axuda no fogar e soamente unha concorreu ao procedemento correspondente á recollida de residuos sólidos urbanos. Nos próximos días a Mesa de Contratación volverá reunirse para clasificar as propostas presentadas.
O contrato do SAF terá unha duración máxima de catro anos (dous prorrogables por outros dous máis). E un orzamento base total de 3.714.928,24 euros. Tal e como se estipula nos pregos que rexen o procedemento, a previsión é prestar cada ano 12.000 horas de servizo básico e outras 47.334 de servizo de dependencia. Sendo o prezo máximo por hora de 20,15 euros de luns a sábado e de 20,91 euros os domingos e festivos. Os criterios de valoración serán a calidade do proxecto técnico, a proposta económica e melloras como o emprego dun programa de xestión ou o ofrecemento de servizos complementarios.
Recollida de residuos
Pola súa parte, o contrato de recollida de residuos sólidos urbanos ten un presuposto base de 1.423.654,60 euros polos cinco anos de duración (catro máis outro de posible prórroga). Contempla a recollida diferenciada e transporte á planta de Sogama en Cerceda dos residuos que son depositados nos colectores xenéricos verdes (952 unidades), nos amarelos de envases lixeiros (400 unidades) e tamén nos novos recipientes marróns de orgánicos (150 unidades).
Así mesmo, a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir o mantemento, lavado e desinfección de todos os contedores. Cómpre salientar que os colectores azuis de papel-cartón, os iglús verdes de vidro e os recipientes laranxas de aceite non se inclúen neste procedemento porque estarán recollidos no novo contrato de xestión do punto limpo que sairá a licitación proximamente.
Tanto no servizo de axuda no fogar como no de recollida de residuos sólidos urbanos as empresas que resulten adxudicatarias deberán subrogar o persoal actual.