O Concello da Laracha abre o prazo de presentación de ofertas para aluguer no entorno do campo da feira de Paiosaco, o centro de saúde da Laracha e o complexo deportivo da piscina municipal
Os propietarios interesados no aluguer teñen quince días de prazo para presentar as súas propostas. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicó o día 8 os anuncios do Concello sobre a apertura do prazo de presentación de ofertas. É de concursos públicos para adxudicar os contratos privados de aluguer de parcelas que se destinarán a aparcamento de vehículos en puntos estratéxicos das vilas da Laracha e de Paiosaco.
O Concello promove esta iniciativa co obxectivo de aumentar as prazas de estacionamento público e gratuíto nas inmediacións do recinto feiral de Paiosaco. Tamén do centro de saúde da Laracha e do complexo deportivo da piscina municipal. Así mesmo, da servizo, neste último caso, á Casa da Cultura. Os contratos de aluguer terán unha duración máxima de catro anos, estando contemplada a súa extinción no caso de que o arrendador venda a finca a un terceiro e este manifeste a súa vontade de dalo por concluído. As parcelas deberán atoparse a unha distancia máxima de 300 metros da infraestrutura de referencia, ter fronte á vía pública e estar vacantes de edificacións.
Opcións
Para o caso da feira de Paiosaco, a superficie mínima será de 9.000 metros cadrados e o importe máximo a aboar polo Concello nos catro anos sería 60.317,68 euros segundo a valoración realizada polos técnicos municipais do departamento de Urbanismo. A parcela próxima ao centro médico da Laracha terá un tamaño de entre 4.200 e 5.100 metros cadrados e o arrendamento non superará os 34.180,02 euros. A finca para aparcamento nas proximidades do complexo deportivo da piscina municipal terá unha superficie de entre 2.250 e 3.750 metros cadrados, investíndose no aluguer un máximo de 25.132,26 euros. Neste último caso, o Concello mostra o seu agradecemento aos propietarios que desde hai anos permiten de xeito gratuíto o aparcamento na parcela privada situada fronte á piscina. Con este procedemento regularase esa situación coa correspondente compensación económica aos donos dos terreos.
Aquelas persoas que sexan titulares de parcelas que cumpran as características requiridas e estean interesadas en arrendalas, teñen quince días naturais a contar a partir de mañá martes para presentar a súa proposta.
Transparencia
Para garantir a máxima transparencia dos procedementos e a igualdade de oportunidades entre todos os propietarios que desexan participar, publicáronse na Plataforma de Contratación do Sector Público os pregos que establecen unha serie de criterios de adxudicación baseados na calidade e prezo das ofertas, valorándose cuestións como a proximidade ás infraestruturas de referencia, o tamaño da parcela, a cualificación urbanística do solo e a oferta económica.
No Concello da Laracha xa existen dous aparcamentos públicos de vehículos habilitados en parcelas alugadas polo Concello a particulares. Unha delas sitúase próxima ao recinto feiral de Paiosaco e, a outra, en pleno centro da vila da Laracha (xunto á rúa Epifanio Campo), nunha das zonas de maior densidade de poboación de todo o municipio.