O programa ‘Harmoniza: conciliando na Laracha’ é unha ferramenta de apoio á conciliación da vida persoal, familiar e laboral
O 31 de marzo, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou a nova ordenanza reguladora do programa ‘Harmoniza: conciliando na Laracha’. Este foi concibido como unha ferramenta de apoio á conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Nas bases actualizadas contémplase a posibilidade de aplicarlle unha cota reducida ás persoas solicitantes en base á súa situación socio-familiar e ao nivel de ingresos do fogar. «Pero xa non se ten en conta a situación laboral dos proxenitores. Un baremo que si contemplaba a ordenanza orixinal do ano 2017», explican os socialista. Consideran que «a supresión deste criterio é un erro». Por iso, «xa se presentou un documento de alegacións encamiñado a facilitar o acceso de todas familias aos servizos do dito programa municipal», engaden.
A concelleira socialista Alba Toba defende que “a nova redacción da ordenanza non pode empeorar as condicións da anterior”. Indica que, de acordo cos baremos establecidos no texto actual “moi poucas persoas poderán beneficiarse do máximo desconto para acceder ao programa”. O grupo municipal entende tamén que a modificación das bases «non se corresponde coa realidade das familias da Laracha. Particularmente, coa daquelas que teñen máis dificultades para asumir o importe das cotas dos servizos de Aula Lúdica e Madrugadores».
Novo baremo
De acordo coa ordenanza publicada o 31 de marzo, as persoas solicitantes poden aspirar, como máximo, a unha redución do 50% das cotas. Para conseguilo, teñen que sumar máis de dez puntos nun baremo no que se ten en conta que se trate de mulleres vítimas de violencia de xénero, familias monoparentais ou que haxa dúas ou máis crianzas usuarias no mesmo núcleo familiar, entre outras circunstancias. A proposta socialista inclúe, a maiores, outro criterio baseado na situación laboral, que outorgaría ata cinco puntos ás familias cos dous proxenitores en situación de desemprego sen prestación económica.