Diferentes propostas culturais e deportivas das cales catorce son para o público infantil e outras dezasete, para persoas adultas
O programa municipal de actividades culturais y deportivas de inverno 2021-2022 se vai desenvolver ata finais de maio. O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura e Deportes, Patricia Bello, presentaron hoxe a ampla oferta. En total hai trinta e unha propostas diferentes, das cales catorce son para o público infantil e outras dezasete, para persoas adultas.
Son obxectivos esenciais deste programa o aproveitamento do tempo libre e facilitar a práctica de actividades deportivas entre os adultos e os rapaces. Pero ademáis, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo e aprender novos coñecementos útiles para a vida cotiá.
A oferta de actividades para nenos e mozos inclúe, como noutras edicións do programa, fútbol sala, informática, pádel, patinaxe, obradoiro de cociña infantil, teatro, tiro con arco, voleibol, xadrez, ximnasia rítmica e zumba kids. Ademais, adáptanse actividades como manualidades, que neste ano incorpora tamén o debuxo, e robótica, que incluirá gaming. A novidade será o tenis de mesa.
O público adulto poderá participar en aeróbic, aquagym, arte floral, bailes latinos, cociña, encaixe de palillos, informática, ioga, manualidades e pintura ao óleo, labores de tecido, memoria e alfabetización, pádel, pilates, restauración e tapizaría, teatro e ximnasia de mantemento.
«Volvendo a unha certa normalidade»
O alcalde mostrouse satisfeito na presentación do programa, xa que poñelo en marcha “significa que estamos volvendo a unha certa normalidade”. López Varela explicou que a selección das actividades fíxose “retomando as que viñan funcionando con boa aceptación dos veciños e incorporando outras novas que cremos serán ben acollidas”. Tamén quixo destacar o esforzo do Concello por organizar propostas “adaptadas a todas as idades” e por “levalas a todas as parroquias ademais dos núcleos urbanos”.
A concelleira Patricia Bello afondou na oferta das actividades culturais e deportivas e explicou as novidades do programa. Fixo hincapé en que neste ano os cursos de memoria e alfabetización, nos que por norma xeral participan persoas maiores, tamén se realizarán en Montemaior e Soandres, ademais da Laracha, Paiosaco e Caión.
A edil responsable das áreas de Cultura e Deportes apuntou que o número de prazas será máis reducido que noutras edicións debido ás restricións pola covid. Neste sentido adiantou que se fará un control máis estrito da asistencia para favorecer ás persoas que formen a lista de agarda.
Programa completo e inscripcións
O programa ao completo xa está dispoñible para a súa consulta na web municipal (https://www.alaracha.gal/panel/subido/Programas%20Cultura%20e%20Deportes/2021/Folleto%20actividades%202021-22.pdf) e o prazo de inscrición abrirase o luns. Poderase facer en liña ou tamén acudindo ao Concello.
Para inscribirse requírese que a persoa estea empadroada no termo municipal. Só no caso de que queden prazas dispoñibles, ofreceríase a posibilidade de participar aos nenos non empadroados que sexan alumnos dalgún dos colexios do Concello da Laracha.
Como en anos anteriores, a cota xeral de inscrición será de vinte euros por toda a duración dos cursos. Haberá descontos para as persoas que se apunte en dúas ou máis actividades. Tamén existen reducións do cincuenta por cento no prezo das actividades para os menores de dezaoito anos. Tamén para as persoas maiores de sesenta e cinco anos, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os membros se atopen en situación de desemprego.