Estanse a renovar as canalizacións e conexións nun tramo de 300 metros a ambas marxes da Avenida Fisterra no núcleo urbano da Laracha
O Concello ten en fase de execución un amplo proxecto dirixido a mellorar a rede principal de distribución de auga que dá subministro ao núcleo urbano da Laracha. Tamén inclúe a outras entidades de poboación próximas á capital municipal. A intervención afecta a un tramo duns trescentos metros de lonxitude a ambas marxes da Avenida Fisterra. Abarca desde o seu punto de confluencia coa rúa Santiago e ata o lugar das Torres de Cillobre.
O proxecto presenta actuacións diferenciadas. Estanse a substituír as canalizacións da rede do servizo de abastecemento para renovalas e aumentar o caudal. Ademais, realízanse as catro conexións de rede actualmente en servizo coa futura. Ademáis, se inclúen as correspondentes conexións aos novos tramos das acometidas existentes nas vivendas da zona.
Con motivo destas obras foi preciso cortar puntualmente o subministro en determinados puntos da rede. Realizándose esa fase dos traballos durante a noite co propósito de minimizar a afección para as vivendas. No caso de requirirse novos cortes para a execución das actuacións previstas, tamén se levarían a cabo en horario nocturno. O Concello financia este proxecto integramente con fondos propios municipais. O investimento sitúase en torno aos 40.000 euros.